domingo, 22 de setembro de 2019

Real Vila de Baiona

Bañada polas ondas do Atlánticos, que din os seus eternos lamentos ao morrer nas areas da praia Cuncheira, a Real Vila de Baiona recíbenos co sorriso das súas Illas Cíes, pousadas no leiro trémulo do mar, coroadas de nubes e barcarolas de gaivotas. Unha vila marcada polo Descubrimento de América, pois aquí chegaron as primeiras noticias do Novo Continente.


Monumento ao Descubrimento de América en Baiona.

Nada máis chegar, dirixímonos á Fortaleza de Monterreal. Pasamos debaixo dos impoñentes arcos da Fortaleza, que locen esculpidas as armas da melancólica dinastía dos Austrias. Un recendo de pólvora, que nos lembra pasadas batallas, parece saír das pedras militares. Percorremos as vellas murallas da Fortaleza, acariciadas pola brisa do mar e perfumadas de salitre. Camiñamos entre canóns oxidados, torreóns defensivas e cruces de pedra nas que se pousan as gaivotas.


Camiñando pola Fortaleza de Monterreal.

Despois de coñecer a Fortaleza de Monterreal, dirixímonos ao porto. Nel, mecidos polas ondas, cabecean os mastros da Carabela "La Pinta", unha das tres naves da frota de Colón que descubriron as Indias en 1492. Este barco, capitaneado por Martín Alonso Pinzón, atracou no porto baionés o 1 de marzo de 1493 coa boa noticia do Descubrimento de América, converténdose Baiona no primeiro lugar de Europa en saber do Novo Mundo. Todos os anos as xentes de Baiona conmemoran este feito coa popular "Festa da Arribada".


Réplica da Carabela "La Pinta".

E para terminar, tras visitar a réplica dunha das naves máis célebres de todos os tempos, perdémonos no casco vello da Vila, un dédalo de rúas estreitas e casas brasonadas. Nos restaurantes exhíbense manxares da ría: nécoras, centolos, percebes, racións de polbo regadas con albariño... Nós tamén nos sentamos á mesa.  Repoñemos forzas e preparámonos para marchar. As nubes, tinguidas xa polo sangue do solpor, navegan como blancas carabelas polo ceo crepuscular. Agora sí, despedímonos da Real Vila de Baiona, a primeira que soubo do Descubrimento do Novo Mundo.


A Rúa das Tres Carabelas de Baiona.

Ningún comentario:

Publicar un comentario