domingo, 22 de setembro de 2019

Pontemaceira

No concello coruñés de Negreira, moi preto da sagrada cidade de Compostela, atopámonos coa xentil aldea de Pontemaceira, no Camiño de Santiago cara Fisterra. Arrolado pola canción das augas escuras do Tambre, río de lendas e tráxicas dinastías, o Pazo de Baladrón saúdanos coas súas afiadas ameas e coas súas paredes cubertas polas hedras.



O Pazo de Balandrón de Pontemaceira.

Por Pontemaceira pasaban os peregrinos que, despois de chegar a Compostela, seguían camiñando cos seus brodóns ata Fisterra, onde se cría que remataban as terras coñecidas e comezaban os dominios do "Marem Tenebrosum", poboados de brétemas e monstros mariños. Aínda que a Ponte Vella de Pontamceira data xa do tempo dos romanos, foi reconstruída nos tempos esplendorosos do Camiño de Santiago, para que puidesen seguir os peregrinos xacobeos a súa viaxe.


Camiñando pola Ponte Vella.

A tradición di que por esta Ponte Vella pasaron os discípulos de Santiago cos restos do seu Mestre, perseguidos polos habitantes pagáns de vella Gallaecia. A lenda di tamén que despois de que pasaran os cristiáns a Ponte derrubouse, impedindo que foran alcanzados polos homes da Raíña Lupa. Con este milagre puideron chegar ao Campo das Estrelas, onde sepultaron ao seu Mestre. Así foi como naceu Compostela.


Unha casa de Pontemaceira con vistas ao Tambre.

Paseamos logo polas rúas da pequena aldea, onde xogan os nenos libres aínda de toda preocupación. Algunhas das casas teñen esculpidas nos seus escudos sereas heráldicas que nos lembran a lenda dos Mariño. Entramos tamén nos vellos muíños, apeados hoxe, que foron de reunión e festa dos veciños no pasado. Mais é tempo de marchar. Os raios de solpor xa se pousan nas ás das bolboretas que voan nas ribeiras do Tambre. Atrás queda Pontemaceira, un fermoso lugar pola que pasaban e pasan os peregrinos camiño do mar do fin do mundo.


Vista do Tambre desde un dos muíños de Pontemaceira.

Ningún comentario:

Publicar un comentario